Poñen en marcha nos Lombos un plan coordinado de vixiancia nocturna contra a acción dos furtivos
Confrarías da Ría de Arousa poñerán en marcha nos vindeiros días o seu plan coordinado de vixiancia contra o furtivismo nos Lombos do Ulla, unha vez que xa finalizou a campaña de libre marisqueo.
Un total de cinco pósitos (Rianxo, Carril, Vilaxoán, O Grove, Cambados e Vilanova) participan neste proxecto, que se desenvolverá coa colaboración do Servizo de Gardacostas.
Tras diversas xuntanzas celebradas nas últimas semanas, as confrarías acordaron establecer un esquema de traballo para vixiar e controlar pola noite Os Lombos do Ulla ata outubro, data de inicio da campaña de libre marisqueo 2009/10 neste banco arousán.
En base a este compromiso, pósitos coma o de Rianxo ou Cambados asumirán a vixiancia polas noites durante catro semanas, repartidades desde agora a outrubro. O mesmo número de semanas que asumirán os Gardacostas (algo que, en certos sectores provoca malestar, pois entenden que este servizo tería que levar o peso principal do proxecto e non limitarse a ser, afirman, “un máis”). Confrarías como as de Carril e Vilaxoán, polo seu menor tamaño, serán encargadas de vixiar Os Lombos tres semanas cada unha.
O patrón maior de Rianxo, Baltasar Rodríguez, manifestaba onte que os pósitos aportarán persoal e facilitarán medios, en colaboración cos Gardacostas, para realizar estas tarefas de control e de preservación dos recursos marisqueiros deste banco contra os furtivos.
O feito de que estas vixiancias se desenvolvan só de noite resposta, indica Rodríguez, a que “ao longo do día a cousa está máis controlada e é máis doado detectar aos futirvos”.
Bohído e Cabío > Este proxecto desenvólvese nos Lombos do Ulla, pero na Ría de Arousa este non é o único banco de libre marisqueo, senón que tamén están os do Bohído e Cabío.
No que respecta ao Bohído, funciona desde xa hai tempo un plan no que toman parte as confrarías de Vilanova, A Illa de Arousa e Cambados, un proxecto que tamén se desenvolverá ao longo deste exercicio.
No tocante a Cabío, en breve celebraranse novas xuntanzas entre as confrarías arousáns para tratar e analizar o programa de vixiancia nunha área coma esta, na que se ten denunciado en numerosas ocasións os perxuizos dos furtivos.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios