A Xunta e a Confraría de Carril chegan a un acordo para a futura reordenación do peirao
A Xunta e a confraría de Carril chegan a un acordo para a futura reordenación do peirao da localidade . Nunha xuntanza cos mariñeiros, o presidente de portos de Galicia anunciou que a contratación da obra da dragaxe de Carril podería producirse no último trimestre de 2018, un prazo que cualificou de razoable. Para os mariñeiros de Carril a dragaxe é unha demanda histórica. O presidente de portos de Galicia entende a reivindicación e apunta que se está a tramitar con toda a celeridade que permite a lexislación. Outro dos asuntos estratéxicos para o porto de Carril é a ampliación da súa dársena, para dar cabida a un maior número de embarcacións que, a día de hoxe, non contan con praza. O proceso de reordenación vai estar vencellado á dragaxe, sobre todo na zona da dársena antiga, onde se instalarían novos pantaláns. Por último, o director de Portos de Galicia comprometeuse a estudar unha proposta da confraría para amplia-las súas dependencias ao segundo andar da lonxa. Durán indicou que dende o goberno galego se está a defini-la fórmula axeitada para poder destinar esta planta a usos formativos e tamén administrativo, tal como demanda a confraría. Dende a confraría, pídenlle a Portos de Galicia que apuren os prazos ó máximo, aínda que tamén celebran o consenso que acadaran en tódolos proxectos que están en marcha. Segundo apuntan dende a confraría, destas melloras depende garanti-lo presente do seu traballo, pero tamén o futuro dun sector clave para a zona.
Fuente:Canal Rías Baixas
0 comentarios