Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Mar quere que o sector asuma responsabilidades na vixiancia dos Lombos, O Bohído e Cabío

A campaña de libre marisqueo nos bancos arousáns dos Lombos do Ulla, O Bohído e Cabío finalizará a mediados deste mes de abril e esas ricas zonas produtivas xa non volvrán ser faenadas ata outubro. Uns meses de paréntese nos que se fai necesario redoblar as vixianciais e controis, para evitar o esquilme duns bancos que dan sustento a unha parte considerable da flota de baixura arousá.

Desde a Consellería de Mar apostaríase, indican algúns patróns, porque as confrarías asuman unha maior responsabilidade na vixiancia destas zonas, e así lle espuxo aos seus representantes nunha xuntanza celebrada a comezos de semana en Carril.

Ata o de agora, os pósitos xa tiñan colaborado nestas tarefas, pero agora trataríase de reforzar a incrementar a colaboración entre as confrarías e o Servizo de Gardacosta. Como facelo e con que medios serían asuntos a abordar nunha xuntanza entre ambas partes que se celebraría o 7 deste mes en Vilaxoán.

Zonas coma Os Lombos do Ulla ou Cabío teñen sido obxecto da predilección dos furtivos, atraídos polo marisco (ameixa e berberecho) que atesouran, así coma polo feito de que non se traballe neles durante varios meses.

 

Eficacia > A aposta por reforzar a colaboración entre Gardacostas e Confrarías, e de que estas vaian asumindo máis responsabilidades, procurando unha maior eficacia na loita contra o furtivismo, é un dos obxectivos do plan.

Nas confrarías enténdese que o sector teña que xogar un papel na vixiancia, pero hai discrepancias sobre o grao desta implicación, pois non poucos pósitos entenden que son os Gardacostas os que deben de encargarse destas tarefas, e os pósitos limitarse a colaborar ou prestar axuda.

Nas vindeiras semanas, non obstante, quedará clarificado, ou así se agarda, o tipo de colaboración para as tarefas e traballos de vixiancia nos bancos de libre marisqueo.

Cómpre lembrar que nos últimos meses desde a Consellería de Mar vénse incidindo no plan de loita contra o furtivismo, que ten en zonas como a Arousa ou ben as rías de Ferrol e A Coruña os lugares de actuación principal.

A base de Gardacostas de Vilaxoán, unha das dúas existentes na Ría de Arousa, incautou ao longo do 2009 máis de 2.600 bens e aparellos, boa parte deles en actuacións e operativos desenvolvidos contra o furtivismo.

Así mesmo, este corpo da administración autonómica procedeu ao decomiso de preto de tonelada e media de diferentes recursos.

Na base de Gardacostas de Santa Uxía de Riveira teríanse, nese mesmo ano, incautado en torno a tres mil bens e aparellos, ademáis de procederse ao decomiso de especies neses doce meses por unha cantidade lixeiramente superior ás tres toneladas. Nos meses que van de 2010, Gardacostas ten desenvolvido deferentes operativos nos que mesmo se chegou a deter a furtivos.


Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios