Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Festa da Ameixa celebrarase o 17 de agosto e contará con máis de 2.000 kilos de produto

A Confraría de Carril ultima estes días os preparativos para a decimosexta edición da Festa da Ameixa. Este ano a principal novidade será a concentración nun só día de toda a actividade. Non obstante, preto de 6.000 racións estarán esperando dende a mañá do 17 de agosto a veciños e turistas.

A razón que levou aos responsables de Santiago Apóstol a trocar os ultimamente habituais dous días de festividade por un só baséase, principalmente, na coincidencia de datas coa Festa da Auga en Vilagarcía. O patrón maior carrilexo, Fernando Franco, sinala que “non sabemos como funcionaría un primeiro día que cadrase na mesma xornada que a celebración de San Roque, polo que preferimos facer a Festa da Ameixa ao longo de todo o domingo día 17”.

Deste xeito, ao expandir as horas de degustación de tan preciado bivalvo carrilexo, a Alameda será escenario durante todo o día (mañá, tarde e noite) deste evento culinario de fama nacional.

A Confraría estima que se empregarán preto de 2.000 kilos de ameixa babosa, o que leva a facer uns cálculos aproximados de 6.000 racións, cantidade que esperan que sexa suficiente para satisfacer aos centenares de visitantes e veciños que se pasarán polo parque da localidade.

Outra boa nova para esta decimosexta edición será que os prezos por prato manteranse iguais aos do ano pasado: Oito euros. “Son prezos moi asequibles, mellores que os dos restaurantes e con máis produto por prato, que ademais queda de recordo aos visitantes”, apunta Fernando Franco ,que defende que os prezos son axeitados á calidade da ameixa carrilexa.

O que aínda non está confirmada é a identidade do pregoneiro, pois aínda está en negociación.

Fuente: Diario de Arousa

 

0 comentarios