Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

O concurso gastronómico da Festa da Ameixa conta xa con 20 participantes

O concurso gastronómico da Festa da Ameixa conta xa con 20 participantes

O Concurso da Ameixa Cociñada que se organiza no marco da Festa da Ameixa asemella que vai a contar cunha elevada participación na que será a súa décimo sexta edición. A día de hoxe xa son vinte o número de persoas que se apuntaron para participar no certame que conta con premios de 1.000, 500 e 250 euros para as tres receitas máis saborosas en opinión do xurado que catará os pratos que concorran ó concurso a celebrar o sábado 20 de agosto e no que poderán participan un máximo de 50 persoas.

Como vén acontecendo dende hai uns anos, o Concurso de Ameixa Cociñada abrirá o programa da Festa da Ameixa de Carril o sábado, 20. Para participar no certame, os interesados deberán de inscribirse previamente nas dependencias da Confraría de Pescadores de Carril ou na lonxa, tendo como prazo máximo para realizar o trámite o día 19 de agosto ás 13 horas. Os concursantes recibirán as bases que rexen o concurso e un vale que o día 20, antes das 13 horas, deberán presentar na lonxa para que se lles facilite de xeito gratuíto o medio quilo de ameixa de Carril que utilizarán para a elaboración da receita. Unha vez elaborado o prato, este presentarase na carpa da festa, instalada a carón da lonxa, antes das 18 horas dese mesmo día. 

Aínda que o ingrediente principal das receitas ten que ser a ameixa, na súa elaboración poden incluírse os máis diversos ingredientes, excluíndose ovo cru, maionesas ou cremas. O xurado valorará o sabor, creatividade e tamén a presentación dos pratos. 

O mesmo sábado, todos os participantes recibirán un diploma acreditativo por ter participado no XVI Concurso da Ameixa Cociñada e os premios entregaranse aos gañadores o domingo, no transcurso dos actos principais da Festa da Ameixa. O primeiro premio consiste na Ameixa grande prata e un cheque por valor de 1.000 euros; o segundo nunha Ameixa mediana de prata e 500 euros e o terceiro nunha Ameixa pequena de prata e cheque de 250 euros.

As bases do concurso pódense consultar no taboleiro de anuncios da web municipalhttp://www.vilagarcia.es , na sede da agrupación de parquistas, na lonxa e na Confraría; lugares onde tamén poden obter o formulario de inscrición.

Moncho Borrajo será o pregoeiro
Os actos do día grande da Festa da Ameixa, o domingo 21, comezarán ás 11:45 horas coa recepción de autoridades e membros da Orde da Ameixa na Cobraría de Pescadores. As 12 terá lugar na Praza da Liberdade a lectura do pregón, que estea no recaerán a persoa do humorista galego Moncho Borrajo. A continuación procederase ó nomeamento dos cabaleiros de donas da Orde da Ameixa, título co que se distingue a aquelas persoas destacadas pola súa labor de promoción da ameixa de Carril dende diversos ámbitos. O listado dos cabaleiros e donas daranse a coñecer nos vindeiros días.

Por último, a zona do Peirao e da Alameda volverá a acoller a degustación das ameixas. A organización disporá de 2.600 quilos de bivalvos cultivados nas augas de Carril e ofrecerá as 7.8000 racións de ameixa á mariñeira resultantes. A cantidade incrementouse respecto ao ano pasado, cando a afluenza masiva de comensais fixo que as racións esgotáranse antes das dúas da tarde e que moita xente quedase sen poder degustar as saborosas e afamadas ameixas de Carril. 

Prezos
A ración de ameixa á mariñeira, con pan e prato conmemorativo de recordo venderase a 8 euros, ó mesmo prezo que se paga dende hai tres anos. A botella de viño venderase a 7 euros e auga e refrescos a 1 euro. Tamén poderán mercar pratos conmemorativos e cataviños a 1,5 euros e camisetas a 5 euros.

Fuente:ivilagarcia.com

0 comentarios